sábado, 17 de noviembre de 2007

Por orde cronolóxico e por clarificar


Este, como sabedes, é o blog que relata o "maltrato" administrativo a un opositor (eu-mesmo) e as irregularidades que se cometen na lista. Para que se saiba o que pasa e para que me comentedes o que pasa.
Deixovos aquí a orde da historia, que é a mesma que se ledes este blog de abaixo para arriba, pero así éche máis fácil:

1.- No primeiro, houbo esperanza...

2.- No segundo, houbo especialidades...
3.- No terceiro, houbo reclamacións...
4.- No cuarto, non houbo máis nada... (no final deste post atoparedes ós enlaces á documentación)

No cuarto, NON HOUBO MÁIS NADA


Chamar non me chamaron para contarme nada novo.

O seguinte que souben foi que EU XA NON FIGURABA NAS LISTAS.

Tería algo que ver coa protesta??

Xa que as listas son públicas, un grupo de amigos adicouse a chamar o luns 12 de novembro a distintos responsables para preguntar por que eu desaparecera. E si, dixéronme que me borraran porque eu non me presentara ó examen. Certo. Pero é que a persoa que está traballando (M. M. A., para que saibades buscar nas listas) tampouco se presentou. E máis persoas, que continúan na lista, tampouco se presentaron e alí seguen. Por enriba, din que xa me contestaron a instancia e que me enviaron un correo certificado a casa. Cando lles digo que non chegou nada, dinme que están buscando eles o acuse de recibo - acuse que non existe, porque eu non firmei nada-.

Nas listas, repito, só fun borrado eu. Tería algo que ver coa protesta??


Pd: As listas son públicas e podedes consultalas na Consellería de Educación, no apartado de Interinos e Substitutos (se alguén non atopa o enlace, escribídeme ó correo que volo direi sen problema). De todas formas, como agora xa non estou pero gardei as outras por se acaso, deixóvos aquí o enlace para que podades descargalas e comprobar que a miña historia é certa. Se necesitades algunha documentación máis, avisádeme

Listaxes a 16 de outubro: (aínda non figura como traballando M. M. A pero si figura detrás miña J. C Q. A., e nas actuais si podedes consultar que está cubrindo a praza que especifiquei no post "no segundo, houbo especialidades...")

http://www.megaupload.com/es/?d=FAFU2MFM

Listaxes a 11 de novembro: aquí xa desaparecín eu pero siguen figurando o resto na lista

http://www.megaupload.com/es/?d=EWUWB9PA

Listaxes de opositores que se presentaron e non ó examen (tamén o podedes consultar no apartado de oposicións da Consellería, pero aquí tedes descarga directa, así podedes comparar coa lista actual e ver canta xente que non se presentou continúa na lista)

http://www.megaupload.com/es/?d=S911QUQG




No terceiro, houbo reclamacións...


Alá vou eu, directiño ós feudos da Xunta para protestar polo feito. A ver por que carallo chaman a xente que está detrás miña e non ten especialidade. As listas cargáas o demo.

De novo, transcribo unha conversa real

Eu-mesmo: Desculpe, houbo un problema coas listas e saltáronme
FTC: ¿Si? Sería que ti renunciaches á praza
Eu-mesmo: Eu non renunciei, só que me pediron a especialidade que eu non teño.
FTC: Pois logo, será que a persoa que está traballando si que a ten
E: Pois resulta que non, xa que cursou o meu mesmo plan de estudos
FTC: E....(nervosa) pois algunha asignatura cursaría!!
E: Home, iso eu tamén. Pero éche distinto unha asignatura que unha especialidade
FTC: Pois que queres que che diga...
E: ¡Fai algo! Non podedes facer esto coa xente, que estamos falando de postos de traballo
FTC: Mira rapaz, se non estás contento cubre unha instancia
E: Vale, pero dime o teu nome e apelidos
FTC: NON CHE DIGO NADA

E cubrín a instancia...(e a quen queira mándolla escaneada, co rexistro da Xunta)

Tan só co nome da funcionaria, xa que non me quixo dar apelidos aínda que tiña a obriga. Unha instancia que casi nin me deixan cubrir e a que me deberían contestar...
As reclamacións continuaron e por unhas e por outras conseguín falar con varios cargos (digovos quen son, xa que son cargos públicos, a calquera que se poña en contacto conmigo) que me recoñeceron que había un erro pero que "non ían facer nada aínda sabendo que isto me perxudicaba gravemente". No último de todo, conseguín falar cunha funcionaria responsable que me dixo que ía falar cos seus superiores e corría a pola miña instancia para resolvermo.

Aínda había algo que esperar....

No segundo, houbo especialidades....


¿E agora que? -daquela aínda o decía rindo-

¡¡¡Unha chamada da Xunta!!!

Rinnnnnng, Riiiiiinnnnng (o son non é real, pero a conversa si que o é)

Eu-mesmo: ¿Si?
Funcionaria-tipo-calquera: ¿Es ti J. C. Q.?
E: Son
FTC: Chamábate para facer unha substitución na Escola de Bens e Restauración de Pontevedra, pola lista de Historia da Arte (atención a este dato, logo será comprobable)
E: Si, claro ca..?
FTC: Pero agarda!, tes a especialidade en Arqueoloxía? É imprescindible para esta substitución.
E: Pois non, é que polo meu plan de estudo non existe.
FTC: Pois sintocho, esta non pode ser. Pero tranquilo, chamámoste para a seguinte.
E: Moitas gracias

Piiiiiiiii Piiiiiiiiiiiii

Dez días máis tarde....

Entérome de que foi chamada a substituir, para esa mesma substitución, unha persoa que estaba de número cinco, tres persoas por detrás miña. E non tiña especialidade, porque estudou o meu mesmo plan de estudos.

No primeiro, había esperanza....


Aquí lles conto a historia que me sucedeu. (imaxinen unha luminaria, unha guitarra de fondo, e este texto na voz dun cantar de cego)

Eu era un rapaz espelido que decidiu buscar o seu pan na Educación Pública. Así que como Licenciado en Historia da Arte, decidín poñerme a estudar, oito horas ó día, as oposicións de Xeografía e Historia, e así estiven durante tres anos: a sol e a sombra, deixándome os ollos por enriba dos apuntes. Este último ano decidín que debía probar sorte na miña propia especialidade, e apunteime na oposición de Historia da Arte dos Profesores de Artes Plásticas e Deseño (os do FP, vaia). Por unhas e por outras, e porque este exame coincidía co que levaba preparando tres anos supuxen que sería de máis proveito presentarme a este último, a pesares da convocatoria de méritos que xogaba na miña contra.

Supoño que non fai falta contar que aínda que acadei unha nota decente quedei sen traballo por non ter méritos nisto da Educación.

Pero...¡non vos preocupedes por min! A primeiros de outubro, e porque non había xente suficiente na lista de Historia da Arte na que me apuntara, atopeime de número un na lista de substitucións, e tan só por riba unha persoa que tiña zona restrinxida. Así que alí estaba eu, coa maleta preparada pra o primeiro instituto que precisase dos meus coñecementos.

---A Historia continúa xusto aquí enriba, ide lendo que isto éche unha cousa de tempos cronolóxicos---